Saturday, Jul. 26, 2014

ESCRIBIR …. EN GALEGO

Escrito por:

|

Maio 14, 2012

|

Tema:

ESCRIBIR …. EN GALEGO

Veño de publicar o meu primeiro libro. Moitos dos que me coñecen, sorprendéronse cando lles dixen que se ía editar un libro escrito por min.

“ Vaia, metícheste a escritora?”, foi a resposta maioritaria.

Non me metín a escritora, non creo que o feito de publicar un libro cambie para nada o que xa  fun sempre, dende que me lembro, dende que teño uso da palabra.  Penso que escritor é o que escribe, o que o fai por necesidade, por devoción ou por afección. Non me considero mais escritora porque publicara un libro, así como non considero que sexa mais artista aquel que amosa nunha exposición a súa obra, que o que garda para sí o froito da súa habelencia.

Coñezo a unha rapaza de trece anos que compón e toca a súa propia música, non o fixo nunca sobre un escenario, varía iso acaso a certeza de que leva dentro de sí unha gran artista?

Despois desa primeira cuestión, que non vai exenta de certa admiración pola súa parte, teño que dicilo, moita xente pregúntame tamén con mágoa que porqué escribín o libro en galego.
…..

Teño que recoñecer que a xente non lee moito en galego, quizais porque non estamos acostumados ó uso normativo desta lingua na nosa vida diaria, pero creo que se pode contar unha gran historia sen abusar de algunhas expresións enfaixadas que pululan polo noso dicionario, salvando sempre o uso axeitado do idioma.  Cando era mais pequena, a maioría dos libros que compartían habitación comigo, estaban escritos en galego, agora decátome de que os títulos que abondan na miña libraría están escritos en castelán. As veces eu tamén me pregunto en qué momento da vida cambiamos a nosa preferencia por ler nun idioma determinado.

“ En castelán terías oportunidade de chegar a un número maior de lectores, de acadar mais éxito”, dinme.

Pode ser, pero nunca me parei a pensar en que escribiría un libro para acadar certo renome, ou para chegar a un público determinado ( si tivera esta pequena cuestión en conta, escribiría en chino, posto que de seguro o público que alcanzase sería moito mais extenso ); simplemente escollín unha lenda da nosa terra, que transcorre en Galicia e que me pedía ser contada en galego. Nada mais.

Para responder a todas esas persoas, direi que escribo en galego porque podo, e porque sei facelo. Iso non quere dicir que non poida facelo en castelán, ou que non o vaia facer no futuro. Temos a inmensa sorte de nacer nunha terra onde, dende pequenos, se nos ensina a falar e escribir correctamente nos dous idiomas. Porqué desperdicialo, pois?

A próxima vez que me pregunten porqué escribo en galego, contestarei coa única resposta posible. E porqué non?

Texto: Natalia Carou

Compartir este artigo

Artigos relacionados

48 mulleres asasinadas.  HISTORIA DAS MULLERES GALEGAS
María Zambrano naceu un 23 de abril, hoxe pode ser un bo día para ler sobre ela
Xa falta menos para o 6º Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil

About Author

admin