Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (III)

Extracción do libro A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

A idea das Irmandades, unha vez fundado o primeiro núcleo na Coruña, vaise espallar con certa rapidez por varias cidades e vilas da Galiza mediante diferentes elementos propagandísticos: os mitins, a correspondencia epistoral (infelizmente inaccesíbel hoxe moita dela), os artigos na prensa periódica, o contacto persoal etc. Antón Villar Ponte xoga a este respecto un papel básico, cando menos nestes primeiros compases, e á súa actividade débese, por exemplo, o achegamento ás Irmandades dunha figura tan relevante nelas como Lois Porteiro Garea, líder do grupo santiagués. Ao local da Irmandade chegaban segundo Ramón Villar Ponte, “un día e outro, de diversas localidades da terra, peticións de estatutos, demandas de ourentación, adheríndose verbas de alento” (Ramón Villar Ponte, 1977:21).

As primeiras actividades públicas da nova entidade (excursións, recitais, cursos de lingua, promoción dos coros populares, representacións teatrais, ciclos de conferencias, homenaxes a figuras desaparecidas…) parecen asimilala a unha asociación de índole estritamente lingüística e cultural (Quintana Garrido, 2002b:182; Beramendi, 2007:434-435) e iso provoca, como teñen sinalado Beramendi e Núñez Seixas, unha certa acollida positiva moi xeralizada, que inclúe sectores (persoeiros, cabezallos de prensa… ) certamente aditos ao statu quo político do momento. Iso fai que as Irmandades teñan, á partida, unha presenza “proporcionalmente moi superior á súa entidade real” (Beramendi & Núñez Seixas, 1995:96). A falida confluencia co republicanismo coruñés nunha nova Solidaridad Gallega, por volta de finais de verán de 1916, e, sobre todo, a aparición do voceiro A Nosa Terra, en novembro dese mesmo ano, comezarán a mudar esa inicial fasquía “inofensiva” e “folclórica” das Irmandades, que emprenden desde entón, sen abandonar por iso o activismo cultural e idiomático, un rumbo claramente “político”, que axiña debullaremos…

Foto: Antón Villar Ponte, na homenaxe a Vicetto e Añón. © CCG