Causas estruturais e inmediatas dos incendios, relación entre elas

Ante unha vaga de incendios como a actual, asitimos a aparición de noticias sobre a intencionalidade dos lumes que ás veces desvían a atención das causas estructurais.  A continuación intentaremos dar unha notas, non exhaustivas, que permitan a reflexión pausada sobre as verdadeiras causas dos incendios ou, cando menos, eviten que nos deixemos levar por noticias sensacionalistas e interesadas que o único que pretenden é desviar a atención da política medioambiental nefasta historicamente no noso país.

Tomarei como referencia as reflexións e estudos de Xesús Pereiras López de hai unha década, tristemente vixentes hoxe en día.

Os técnicos distinguen entre causas estruturais (aquelas que facilitan a extensión do lume no monte e a súa aparición) e as inmediatas ou próximas (motivos directos de cada incendio). Ambas están directamente relacionadas, así unha causa estrutural repetidamente sinalada é o abandono dos montes que favorece o crecemento de matos altamente combustibles. Pois ben, son estes matos os desencadeantes de moitas causalidades próximas, isto é, o que leva en certos casos a prender lume no monte (apertura de camiños de acceso limitado pola vexetación, para limpeza de leiras que, según un estudo da Xunta do ano 91  supoñía un 42% da causalidade etc). Polo tanto, o coñecemento das causas estruturais é fundamental e previo a calquera intento de solucionar a problemática incendiarias, que vou enumerar brevemente aquí por condicionantes do medio, pero cuxo estudo recomendo.

Dentro das características estruturais encontramos algunhas que entran no grupo de variables socioeconómicas:

  • Abandono dos usos tradicionais do monte sen xerar alternativas.
  • O modelo de monte ou política forestal levada a cabo (fomento do uso forestal madereiro para a indutria que levou consigo a diminución de madeiras de cualidade, especialmente as caducifolias).
  • Conflitividade asociada a montes comunais.
  • O despoboamento do medio rural e o avellentamento da súa poboación.
  • Aparición de novos usos: excursionismo, acampada… urbanización de zonas de monte nas periferias das cidades.
  • Hábito do uso do lume.

Outras son variables ecolóxicas:

  • O clima e factores meteorolóxicos.
  • A topografía.
  • A combustibilidade das especies (o índice de combustibilidade intrínseca dun castiñeiro é dun 1,58 e  o do carballo albar un 1,1%, fronte a un 13, 50 e 13, 80 do eucalipto e piñeiro do país, respectivamente).
  • Grado de madurez dos sistemas forestais.
  • Os acúmulos da biomasa forestal, controlable con práticas de prevención.

Estas variables interrelaciónanse, así o abandono dos usos tradicionais (var. socioeconómica) condiciona a cantidade de masa vexetal do monte (var. ecolóxica), que tamén pode ser controlada por unha silvicutltura de prevención (var. socioeconómica); o modelo de monte ou política forestal (var. socioeconómica) vai condicionar a combustibilidade das especies arbóreas e a madurez dos ecosistemas (var. ecolóxicas), etc. Mesmo dentro de cada grupo de variables establécense relacións. Por exemplo, nas ecolóxicas, o clima vai condicionar os acúmulos de biomasa, e nas socioeconómicas, a política forestal condiciona o abandono dos usos tradicionais do monte.

Estas variables e as súas interrelacións configuran o marco onde os incendios se desenvolven. Existen zonas onde estas variables se superpoñen na mesma dirección, nelas os incendios están claramente favorecidos. Noutras, pode que algunha variables contrarresten as outras, nelas os incendios van ter menos incidencia.

Nas causas próximas ou inmediatas temos as neglixencias, outras que agrupamos en varias (raios ferrocarril, bombas de paleque,manobras militares…) ou claramente intencionados. Desgraciadamente, a intencionalidade nos incendios galegos é elevadísima (89,6%) e a causalidade da actividade incendiaria variada: limpeza de leiras, queima restrollos, obtención de pastos para o gando, vinganzas entre veciños, rebaixa de prezos da madeira, motivacións políticas, espantar e eliminar animais que danan as colleitas, facilitar a caza e incrementar certas especies cinexéticas, recualificación de terreos forestais a urbanizables, negocios na reforestación etc).

As causas próximas están ligadas á rendibilidade inmediata do incendio, distinguindo 2 grupos a groso modo:

  1. Os incendios dirixidos a queimar mato, ainda que a rendabilidade deriva de que o lume é unha ferranta barata de limpeza previa á realización doutros traballos.
  2. Incendios dirixidos a masas arboaradas, cuxa rendibilidade pode vir do abaratamento da madeira, intereses urbanísticos e tampouco se pode esquecer a rendabilidade asociada ao negocio xerado en torno á extinción de incendios.

Habería que investigar e analizar en profundidade: cal é a importancia relativa da cada unha destas causalidades? Mesmo, cal delas pode ser excluída?

Fonte: Os incendios forestais en Galicia , Baía Edicións, 1991.