17 de agosto: PREMIO GALIZA MÁRTIR

A Fundación “Alexandre Bóveda” instituíu o PREMIO GALIZA MÁRTIR a partir do ano 2006 co fin de lle recoñecer a unha persoa, grupo de persoas ou entidades o labor de recuperación da memoria histórica no noso país.

17 de agosto, Día da Galiza Mártir, é un día para a memoria de todas as mártires e os mártires do país que morreron asasinados por defenderen os seus ideais. O 17 de agosto é o día no que os galegos e galegas conmemoramos a figura de Alexandre Bóveda, ao que Castelao definiu como motor do Partido Galeguista. E é que aquel fatídico 17 de agosto de 1936, Bóveda, un dos fíos que teceu o anteproxecto de Estatuto, era fusilado no monte da Caeira despois de ser detido o 20 de xullo de 1936 por traizón e condenado a morte nun xuízo que tivo lugar o 13 de agosto do mesmo ano.

Para recoñecer a figura e traxectoria política de Bóveda e para recuperar a memoria do noso pobo, Pontevedra e Poio acollen na data do seu asasinato diversos actos de homenaxe. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 13h no Monumento á Galiza Mártir, na Caeira (Poio) cun acto institucional organizado polo Concello de Poio que contará coas intervencións de Silvia Díaz (concelleira de Cultura), Xosé María Álvarez Cáccamo (Regaduxa), Uxío-Breogán Diéguez (presidente da Fundación Alexandre Bóveda), Amelia Bóveda (representante da familia) e de Luciano Sobral (alcalde de Poio). Durante o xantar da Fundación Alexandre Bóveda terá lugar a entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo.

A continuación, desenvolveranse os tradicionais xantares da Fundación Alexandre Bóveda e de Galiza Nova. Durante o xantar da Fundación Alexandre Bóveda terá lugar a entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo.

Na xornada da tarde, a partir das 19h, celebrarase unha homenaxe cívica no cemiterio pontevedrés de Santo Amaro, coas intervencións do escritor Suso de Toro e do vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero. Ás 20.30h comezará o acto político organizado, como cada ano, polo BNG e por Galiza Nova na praza de Curros Enríquez (Pontevedra). Intervirán Sabela Bará, responsábel comarcal de Organización de Galiza Nova, e César Mosqueira, vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Fonte: Sermos Galiza